Monday 29 de April de 2024

A Xunta de Galicia aposta pola sensibilización e inclusión das persoas xordas desde as idades máis temperás para conseguir unha sociedade acolledora


A federación realiza diferentes accións entre o alumnado galego para normalizar esta lingua, fomentar a integración e facilitar a interacción e a comunicación plena

A Xunta de Galicia aposta por traballar na sensibilización, na inclusión e na adquisición de habilidades desde as idades máis temperás coa finalidade de conseguir unha sociedade acolledora para todos. Así o asegurou esta mañá o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando Gobzález Abeijón, quen sinalou que o Goberno galego persegue este obxectivo a través, entre outras actuacións, clases de lingua de signos nos centros escolares coa colaboración da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para impulsar a integración do alumnado con discapacidade auditiva, facilitar a interacción entre os estudantes e asentar unha comunicación plena.

Fernando González Abeijón acudiu esta mañá a unha sesión no CEIP Gonzalo Torrente Ballester na que tanto alumnado con discapacidade auditiva como sen ela coñecen e aprenden a utilizar a lingua de signos co obxectivo de acadar unha contorna máis inclusiva e accesible, así como reforzar os lazos de unión na aula e normalizar o uso desta lingua.

Esta actividade, posta en marcha por FAXPG co apoio do Goberno galego, non é a única que se realiza nos centros educativos para fomentar a integración do alumnado. Ademais, a asociación realiza outras accións como campañas de sensibilización entre os estudantes de Primaria e Secundaria, e tamén actividades adaptadas á educación infantil como un contacontos en lingua de signos.